alberto ardid
  • cv / bio
  • contacto
  • .
  • 00:00
  • A túa época
  • Obra interactiva: NON TOCAR
  • Informes
  • Gravidade
  • Autoría colectiva
  • Elementos auxiliares
  • Sutura
  • Apuntes para Sutura
  • Nova riqueza
  • Para sempre
  • Forever Young
  • Carmeliña
  • gl
  • es
  • en

 

A túa época

71 x 101cm x 12cm

Po dos 97 días de confinamento enmarcado e envasado ao baleiro sobre unha repisa a 40 cm do chan.

Escultura-instalación. 2020

 

O título fai alusión á pregunta que acompaña calquera historia interxeracional narrada. A peza é un recordo material dun acontecemento transcendental que moitos de nós contaremos aos nosos netos coma os nosos avós nos contaron as historias da guerra.

A obra baséase na nova vida que se lle outorga ao acopio de todo o po substraído da miña casa durante os 97 días que durou a corentena provocada pola Pandemia do Coronavirus, nos meses de marzo, abril, maio e xuño de 2020. O po, que non é máis que restos de células mortas, partículas de terra, cabelos caídos, e pequenos elementos que emporcan o chan; e que constitúe o conxunto de residuos máis detestado da cotiandade en todo o mundo e o menos importante, xoga, neste caso, un papel de lembranza valiosísimo. Porque se trata dun po único, dunha época concreta e realmente intensa: O noso confinamento.
Neste caso, é tan vivo o recordo, por importante, que o pensamento dunha época tormentosa tórnase (ou tornarase) moitas veces en nostalxia, e que incluso un desperdicio, un ciscallo, adquire unha nova dimensión de valor simbólico e, ao estar enmarcado, é elevado á categoría de obxecto de culto.

                   

A parte central da peza (o cadro), está a súa vez envasada ao baleiro cunha bolsa de almacenaxe das que se lle succiona o aire cunha aspiradora a través dunha válvula, pero que desta volta non é capaz de aspirar o seu cometido habitual (o po), senón unicamente a atmosfera que rodea un marco selado por todas as esquinas. Este envasado ao baleiro proporciona un ambiente de seguridade extra, tanto para o propio contido do cadro en si como para o espectador, que probablemente visite esta exposición levando máscara e gardando unha distancia de seguridade con respecto aos outros visitantes neste tempo tan excepcional no que vivimos. Protección que será algo menos efectiva en canto o envasado ao baleiro vaia perdendo forza, calculado, segundo as instrucións do fabricante, para principios de 2021, cando seguramente xa estea en circulación a vacina da Covid-19.

A peza foi seleccionada para participar no certame Novos Valores 2020 da Deputación de Pontevedra, estivo exposta no Museo de Pontevedra no mes de outubro deste mesmo fatídico ano.